jueves, 16 de julio de 2015

Formo parte da Sociedade Micolóxica Lucus.

Xa vos teño falado mil e unha veces da SOCIEDADE MICOLÓXICA LUCUS, mais ben da familia Micolóxica Lucus.




Recoñezo que tiña unha gran curiosidade polo mundo micolóxico e cero coñecementos; gustábame ir buscar cogumelos pero non recoñecía ningún, só comía os boletus que meus pais recollían algunhas veces.

E un día vin no periódico que o Concello de Lugo organizaba unhos cursos de inicicación e perfeccionamento (boa iniciativa aquela, que con isto dos recortes creo que se perdeu). Sen dubidalo, chamei e inscribinme. E non me decepcionaron para nada!

Toda a información é pouca, e nunhas charlas de unha hora durante cinco días podemos pensar que non imos aprender moito. Pero para alguén que non ten nin idea... son valiosísimos! De entrada ves que ese "mundillo" é... amplísimo e interesantísimo! Moito mais do que pensaba.  E que é necesario estudialo e é necesario que che guste; pero se te atopas con unha persoa que expón os temas como o fai Julián Alonso vas quedar enganchad@ dende o primeiro momento. Faino cunha claridade e con unha amplitude de coñecementos asombrosa. E con unha paciencia...

Despois dese primeiro curso de iniciación, que non chegou a nada, veu o de perfeccionamento, que tampouco chegou  a nada.
Entón souben da existencia da asociación e decidín asociarme. Por probar...
Lembro o primeiro día, a primeira toma de contacto; creo que era un paseo micolóxico, un domingo pola mañá. Cheguei a Fingoi sen coñecer a ninguén, eu soa,  e había un grupiño de xente, saudei e dixen que era nova na asociación, e dende ese momento podo dicir que me acolleron coma se levara con eles dende sempre.

E é que a Asociación Micolóxica Lucus é así, unha gran familia (na actualidade unhos 265 socios) que te acolle dende o primeiro momento facendo que te sintas ben, axudándose entre eles, colaborando en todo, pero sen imposicións.
Organízanse gran cantidade de actividades, que van dende cursos, conferencias, congresos, excursións, exposicións, os luns micolóxicos, os paseos micolóxicos, degustacións, colaboracións con outras entidades, etc. 
Agora hasta publican unha revista do mais interesante (Micolucus). 
Actividades peculiares como son  o "Lucus a pé", e o "Lucus a pé na noite" . 
Tampouco debedes deixar de visitar en novembro a exposición de cogumelos que anualmente se sitúa no colexio Rosalía de Castro de Lugo (con toda a variedade de cogumelos que a tempada permite recoller, cunha montaxe increible e perfectamente etiquetados).

Todas son actividades que supoñen un gran esforzo organizativo, e non serían posibles sen esa directiva tan activa e o compromiso dos socios.

E é que a súa actividade non é exclusivamente micolóxica, podemos incluila tamén no ámbito medioambiental (preocúpanos a conservación do medio e do noso entorno) e incluso deportivo (rutas de senderismo) e a súa labor social é importante, podes atopar xente de tódalas idades e asegúrovos que acabas facendo amigos. A miña vida xa non sería a mesma sin esta familia, en serio!! Sen María Folgueira, Manuel Abuín, María Dores Guerrero, José Castro, Julián Alonso,... e tódolos demais.

Agora teñoos un pouco abandonados, por circunstancias e por falta de tempo, pero non por falta de ganas.

 E é que a maneira de aprender é escoitar unha e outra vez, e participar en actividades, e no outono ir cos teus cogumelos ó local social os "luns micolóxicos" e preguntar, e consultar libros. E ainda así pódeste dar por contento se cada ano coñeces un ou dous cogumelos novos. Pero polo menos saberás que nese mundo non hai que arriesgar, e que os tópicos non valen, que solo vale o estudio e o coñecemento, e que moito queda por aprender.

Lembrar que podedes achegarvos á súa páxina web ou ó facebook a botar unha ollada sempre que queirades; alí atoparedes información mui interesante.

E o mais importante de todo, daraste conta de que tes a gran sorte de compartir momentos con grandes persoas.